O IET está a participar cun mapa da serie de concellos na XXVIII Exposición Internacional de Cartografía de Washington

O mapa correspondente ao concello de Cangas a escala 1/10.000 forma parte dunha escolma de dezanove propostas cartográficas españolas da que forman parte as principais axencias e organismos produtores de cartografía estatais (Centro Geográfico del Ejército de Tierra, IGME, Ministerio de Defensa, Instituto Oceanográfico, Instituto Hidrográfico de la Marina, CECAF e IEO); sendo, xunto ao IGCC catalán, os únicos representantes autonómicos nesta importante cita bianual.

A exposición cartográfica forma parte destacada da International Cartographic Confererence 2017, conferencia que se celebra en Washington ata o día 7 de xullo, e na que se presentan os estudos e as novas propostas que, dende o punto de vista tecnolóxico e da perspectiva de representación espacial en materia de información xeográfica, existen na actualidade.

O traballo presentado por parte da Xunta de Galicia destaca pola grande sensación de volume acadado ao empregarse un modelo dixital do terreo dun metro de resolución, a incorporación dunha numerosa toponimia, un especial coidado no deseño da lenda explicativa e o emprego de cores que permiten unha intuitiva identificación das coberturas seleccionadas do solo, acompañado isto pola afortunada composición cartográfica que obtemos debido a morfoloxía das rías de Vigo e de Aldán. Conséguese ademais reflectir fielmente o urbanismo propio da área paisaxística das Rías Baixas, ao evitarse intencionadamente os procesos de xeneralización (simplificación e agrupación) das edificacións fóra dos núcleos urbanos que resultarían de aplicación á escala sinalada.

Pódese acceder ao conxunto de traballos da exposición dende a seguinte ligazón e, dun xeito máis detallado, a partir da aplicación que, para móbiles e tablets, existe a tal efecto nas tendas virtuais de Google Play e App Store, tras introducir no buscador de cada unha o termo "icc2017".

 
Galería de imaxes
Ría de Vigo